O Concello de Oia abre o luns o prazo de inscrición para unha nova edición do obradoiro de teatro
O Concello de Oia pon en marcha unha nova edición do obradoiro de teatro veciñal. Ao igual que aconteceu nas anteriores convocatorias, as sesións serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres en horario de tarde.
O obradoiro comezará o 3 de febreiro e as sesións desenvolveranse cada venres no Centro Cultural de Pedornes en horario de 19.00 a 21.00 horas. O obradoiro desenvolverase durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio e rematará a principios de xuño.
As persoas interesadas en participar poden apuntarse no rexistro do Concello desde o luns 16 ata o xoves 26 de xaneiro. A actividade é gratuíta e aberta a todas as idades, se ben é obrigatorio inscribirse pois as prazas son limitadas.
6×6 Punto de Encontro
En cada unha das súas edicións, este obradoiro teatral reúne a varias decenas de veciñas e veciños de diversas as idades, as cales traballan durante varios meses na elaboración e interpretación de distintas pezas teatrais. Como actividade final, as creacións son representadas polo propio alumnado nunha visita dramatizada polo barrio do Arrabal.
Nesa xornada de representación, denominada 6×6 Punto de Encontro, as persoas usuarias do obradoiro veciñal actúan xunto con varias artistas convidadas, ofrecendo un espectáculo aberto ao público onde o patrimonio do barrio histórico oiense se convirte nun escenario de excepción no que gozar de distintas propostas artísticas (arte dramática, danza e movemento, música, poesía, etc.)
Nesta convocatoria do obradoiro de teatro de Oia correspondente ao ano 2023 prevese igualmente rematar o curso coa xornada festiva do 6×6 Punto de Encontro: un día para celebrar a creación artística, o patrimonio, a historia e as tradicións locais; pero tamén para fomentar o encontro, a convivencia e máis a participación veciñal.