O Concello de Oia abre o prazo de inscrición ao obradoiro de teatro

As sesións son gratuítas e desenvolveranse os venres de 19.00 a 21.00 horas no Centro Cultural de Pedornes

O Concello de Oia vén de abrir o plazo de inscrición para unha nova edición do obradoiro de teatro veciñal. A iniciativa está concibida como unha primeira achega ás artes escénicas (elaboración e representación de pezas dramáticas) e, ao mesmo tempo, como unha reflexión e traballo participativo arredor do patrimonio material e inmaterial.

Ao igual que aconteceu nas dúas anteriores edicións, a actividade será impartida por A Artística Teatro & Danza. Comezará o vindeiro 7 de febreiro e desenvolverase todos os venres en horario de 19.00 a 21.00 horas no Centro Cultural de Pedornes.

As persoas interesadas en participar no obradoiro de teatro veciñal poden inscribirse no Concello desde hoxe e ata o xoves 6 de febreiro. A actividade é gratuíta e as prazas son limitadas.

Éxito de anteriores edicións

Nas edicións de 2018 e 2019, o obradoiro teatral contou coa participación de arredor dunha trintena de veciñas e veciños de todas as idades, as cales traballaron na preparación de distintas pezas teatrais que foron representadas en senllas visitas dramatizadas polo barrio do Arrabal. 

En ambos os dous casos conqueriuse unha moi boa resposta de público: tanto veciños como visitantes procedentes doutras localidades puideron descubrir os recunchos con maior encanto e historia do Arrabal dun xeito creativo, participativo e innovador.

Pin It on Pinterest

Share This