O Concello de Oia abre o prazo de inscrición da Aula de Acollida
O Concello de Oia abre o prazo de inscrición do programa Aula de Acollida para o curso escolar 2022-23, prazo que remata o vindeiro 6 de setembro. As familias que queiran inscribir aos seus fillos neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden realizar a súa inscrición na Casa do Concello.
O programa desenvólvese nunha das aulas do centro CEIP Mestre Manuel García. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases. Durante este tempo, os nenos e nenas asistentes desfrutarán de xogos, actividades de lecer, etc.
A folla de matriculación deberase presentar no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto a ela a seguinte documentación: resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, copia dos DNI da nai e do pai, título de familia numerosa -de ser o caso-, e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor.
O prezo do servizo é de 30 euros ao mes (con almorzo) e de 25 euros ao mes (sen almorzo), agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán. Nestes supostos aplicarase unha bonificación do 20% (no caso de ter dous usuarios do servizo na mesma unidade familiar) ou un 40% (no caso de ter tres usuarios do servizo na mesma unidade familiar).
Ademais das persoas usuarias habituais, o Concello de Oia tamén pon a disposición das familias a posibilidade do uso do servizo por días soltos. Neste caso as tarifas son de 2,50€/día (con almorzo) e 2,00 € (sen almorzo).