O Concello de Oia abre o prazo de inscrición para unha nova edición dos obradoiros de teatro
O Concello de Oia pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de teatro veciñal, dirixidos tanto a público infantil como a persoas adultas, unha proposta cultural consolidada que promove a creatividade, a participación e o encontro entre a veciñanza. Ao igual que en convocatorias anteriores, as sesións estarán impartidas por A Artística Teatro & Danza e desenvolveranse os venres pola tarde.
Os obradoiros darán comezo o 6 de febreiro e celebraranse no Centro Cultural de Pedornes. O grupo infantil reuniráse en horario de 18.00 a 19.00 horas, mentres que o obradoiro para persoas adultas terá lugar de 19.00 a 21.00 horas.
Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a persoas de todas as idades, se ben é necesaria inscrición previa, xa que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición no rexistro do Concello ata o 31 de xaneiro.
En cada unha das súas edicións, estes obradoiros reúnen a varias decenas de veciñas e veciños de diferentes idades, que traballan durante varios meses na creación e interpretación de pezas teatrais colectivas. Como peche do proceso, as propostas escénicas son representadas polo propio alumnado no marco da xornada festiva 6×6 Punto de Encontro, que se celebra no barrio do Arrabal.
Os vídeos resumo das últimas edicións do 6×6 Punto de Encontro poden consultarse na canle de YouTube do Concello de Oia, onde se recolle o ambiente participativo e creativo desta iniciativa.

