O Concello de Oia adhírese ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía
A adhesión implica asumir os obxectivos da UE para frear o cambio climática e a adopción de medidas
O Concello de Oia vén de acordar en pleno a súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da UE en materia de clima e enerxía para o ano 2030. O acordo adoptouse na sesión plenaria do pasado 10 de outubro e contou co apoio unánime de todos os grupos da Corporación Municipal (PP, PSOE e BNG).
A adhesión ao Pacto dos Alcaldes implica a adopción dun Plan de Acción Polo Clima e a Enerxía Sostible onde se inclúen medidas para frear o cambio climático. As anteditas medidas abordan cuestións como a redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables -co obxectivo de reducir a pegada de carbono do municipio– e serán de aplicación en edificios, instalacións, equipamentos, transporte público e privado e ciclos de tratamento de residuos sólidos e augas residuais.
O plan de acción tamén implica o deseño de medidas para preparar á localidade fronte aos riscos e vulnerabilidades que derivadas do proceso de cambio climático.
Desde o momento da adopción do acordo, o Concello de Oia ten un prazo de dous anos para aprobar o plan. A partir de aí, cada dous anos terá que dar conta dos seus avances en relación aos obxectivos establecidos para o ano 2030.
Á hora de elaborar e desenvolver o seu plan de acción, Oia contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) pon a disposición dos 313 municipios galegos.
Loita contra o cambio climático
Coa súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, Oia incorpórase ao maior movemento mundial de autoridades na loita contra o cambio climático. Foi lanzado en Europa no ano 2008 e implica a cerca de 8.000 autoridades locais de 57 países de todo o mundo. No caso de Galicia está coordinado pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A través do antedito pacto o Concello tamén contribúe a consecución dos obxectivos da Axenda 2030 para un mundo máis xusto e sustentable.