O Concello de Oia adquire un vehículo eléctrico para o servizo de vías, obras e medio ambiente

A Xunta destinou máis de 28.000 euros á adquisición dun vehículo eléctrico para o servizo de vías, obras e medio ambiente | O delegado territorial visitou o concello con motivo do vehículo financiado pola Xunta a través do Plan de Compensación Ambiental | Reguera destacou a importancia da colaboración cos concellos para que poidan prestar servizos de calidade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Oia, que recibiu unha axuda de máis de 28.000 euros grazas ao Fondo de Compensación Ambiental para a compra de un vehículo.

Trátase dun vehículo eléctrico con distintivo ambiental de cero emisións que contribuirá a que os responsables do servizo de vías, obras e medio ambiente do municipio poidan cumprir coa súa labor dunha forma máis eficiente, confortable e sustentable.

Reguera destacou que esta dotación permitirá manter os recursos naturais e as infraestruturas de Oia. Por iso, sinalou a importancia da “colaboración entre a Xunta e os concellos para que poidan prestar servizos de calidade á cidadanía”, como neste caso co obxectivo de garantir a protección ambiental.

Esta achega ao concello de Oia foi posible grazas ao Fondo de Compensación Ambiental que desde 2010 permite que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

“Estou seguro de que esta inversión vai permitir aos traballadores do concello de Oia mellorar a súa produtividade e levar a cabo proxectos que antes resultarían moito máis difíciles e custosos”, concluíu o delegado.

Pin It on Pinterest

Share This