O Concello de Oia advirte dunha suposta estafa relacionada coa análise de augas nas vivendas

O Concello de Oia alerta a toda a veciñanza sobre unha suposta estafa que ten sido denunciada por varias persoas. Segundo a información recibida, os presuntos defraudadores están a contactar telefonicamente cos veciños de parte da Xunta de Galicia, argumentando que deben realizar análises de auga nas vivendas.

Os presuntos estafadores diríxense directamente aos veciños e veciñas polo seu nome, solicitan información persoal como a idade e explican que precisan tomar mostras de auga polas características particulares de cada vivenda e das súas canalizacións. Posteriormente acoden aos domicilios nun vehículo sen distintivos oficiais e sen identificarse debidamente.

O Concello de Oia insta encarecidamente á poboación a que non permita o acceso ás súas vivendas a persoas descoñecidas e que non faciliten datos persoais por teléfono baixo ningún concepto. En caso de recibir este tipo de chamadas ou visitas sospeitosas, é convinte informar ao Concello ou as forzas de seguridade.

A colaboración de toda a veciñanza é fundamental para protexerse fronte a este tipo de actos fraudulentos.

Pin It on Pinterest

Share This