O Concello de Oia alegará contra o parque eólico Albariño I
Convoca á veciñanza a unha reunión informativa o próximo 12 de novembro en Torroña
O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico Albariño I e organiza unha reunión veciñal. A xuntanza contará coa asistencia de técnicos dunha empresa especializada, contratada polo Concello para analizar a documentación sometida a información pública (o prazo para presentar recursos está aberto ata o día 18 deste mes). A reunión celebrarase o venres 12 de novembro, ás 19.00h, nas Escolas de Torroña.
A alcaldesa, Cristina Correa, informa de que o expediente relativo ao parque Albariño I pódese consultar nas dependencias municipais. Na información pública inclúese a seguinte documentación: proxecto de execución, estudio de impacto ambiental e proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico). Para proceder á consulta da antedita documentación cómpre pedir cita previa.
O parque eólico Albariño I afecta a tres municipios: Oia, Baiona e Tomiño. Este parque prevé 6 aeroxeradores: 2 en Baiona, 2 en Mougás e 2 no límite entre Burgueira e Tomiño.
Os aeroxeradores teñen unha altura de buxa a 125 m e 149,1 m de diámetro de rotor (cada pa 75 m. aprox.), 2 torres de medición en Torroña, 2 liñas soterradas de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores, unha subestación transformadora en Barrantes, que se conectará cunha nova liña aérea á liña xa existente Gondomar-O Rosal, e un edificio de control situado fronte á subestación Barrantes, de 600 metros cadrados.
A consulta da documentación tamén pode facerse a través do seguinte enlace da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica, no epígrafe de instalacións de xeración. ale