O Concello de Oia alegará contra o parque eólico Toroña

O vindeiro martes celebrarase unha reunión informativa nas Escolas de Torroña

O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico Toroña, para o que xa contratou a unha empresa especializada, a cal xa a está a traballar na análise da documentación sometida a información pública. O prazo para a presentación de alegacións conclúe o 25 de xaneiro.

O DOG do 12 de decembro anunciou o procedemento de información pública das solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Toroña, con afección nos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal, na provincia de Pontevedra. Este parque prevé unha potencia total de 47MW e a instalación dun total de 10 aeroxeneradores, 5 deles en Oia.

Na información pública inclúese a seguinte documentación:  proxecto de execución, estudo de impacto ambiental, estudo de aves e quirópteros e proxecto sectorial. Pódese consultar na seguinte ligazón da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-dexeracion

Pola súa banda, o Concello de Oia ten creado un apartado específico na web municipal onde vai actualizando a información dispoñible sobre os parques eólicos que afectan ao municipio. A documentación relativa ao parque Toroña está xa dispoñible para a súa consulta na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/informacion-parques-eolicos-2/

Reunión veciñal sobre o parque eólico Toroña

Ao igual que no seu momento se fixo co parque eólico Albariño I e co Merendón (contra o que a Administración local tamén presentou alegacións) o Concello de Oia vén de convocar unha reunión informativa para abordar, ante a veciñanza, este novo caso de proxecto eólico con afección no municipio. A xuntanza celebrarase o vindeiro martes 17 de xaneiro nas Escolas de Torroña ás 19.30 horas.

Características técnicas do proxecto

Segundo consta no anuncio do DOG, as características técnicas do proxecto do parque eólico Toroña son as seguintes:

– 10 aeroxeradores, de 4,7 MW de potencia nominal unitaria, de 155 m de diámetro de rotor e 102,5 m de altura de buxa, dando como resultado unha altura total de 180 metros.

– Rede eléctrica subterránea de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora, formada por tres circuítos.

– Subestación transformadora PE Toroña 30/132 kV, que compartirá localización, no concello de Tomiño, coa futura subestación Barrantes 132 kV de UFD Distribución Electricidad, S.A., mediante a cal se abrirá a liña de 132 kV que conecta as subestacións de Gondomar e O Rosal, e coas infraestruturas necesarias para a conexión doutros parques eólicos que se están a desenvolver na zona.

– Torre meteorolóxica de 102,5 m de altura.

– Obra civil na rede viaria de acceso ao parque e aos aeroxeradores (mellorando camiños existentes e construíndo outros novos) cimentacións e plataformas para os aeroxeradores, a torre meteorolóxica e a subestación; gabias para o tendido dos cables soterrados e outras obras auxiliares.

Pin It on Pinterest

Share This