O Concello de Oia amplía o obradoiro de teatro con sesións específicas para público infantil

O Concello de Oia amplía a oferta do obradoiro de teatro veciñal con sesións específicas para o público infantil (de 6 a 12 anos). Serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres de 18.30 a 19.30 horas no Centro Cultural de Pedornes. A continuación celebrarase o de persoas adultas, de 19.30 a 21.00 horas.

O obradoiro infantil comezará esta mesma semana, coa primeira xuntanza o 10 de febreiro. As sesións terán lugar cada venres durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio e rematarán a principios de xuño.

A actividade é gratuíta pero con prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse a través do rexistro do Concello.

6×6 Punto de Encontro

En cada unha das súas edicións, o obradoiro de teatro veciñal de Oia reúne varias decenas de veciñas e veciños de diversas idades, as cales traballan durante varios meses na elaboración e interpretación de distintas pezas teatrais. Como actividade final, as creacións son representadas polo propio alumnado nunha visita dramatizada polo barrio do Arrabal.

Nesa xornada de representación, denominada 6×6 Punto de Encontro, as persoas usuarias do obradoiro veciñal actúan xunto con varias artistas convidadas, ofrecendo un espectáculo aberto ao público onde o patrimonio do barrio histórico oiense se convirte nun escenario de excepción no que gozar de distintas propostas artísticas (arte dramática, danza e movemento, música, poesía, etc.)

Por primeira vez este ano a convocatoria do obradoiro de teatro de Oia contará con sesións específicas para público infantil ademais das dirixidas a persoas adultas. Ambas actividades lúdico-formativas rematarán o curso coa xornada festiva do 6×6: un día para celebrar a creación artística, o patrimonio, a historia e as tradicións locais; pero tamén para fomentar o encontro, a convivencia e a participación veciñal.

Pin It on Pinterest

Share This