O Concello de Oia anima á veciñanza a participar no programa de compostaxe doméstica

O Concello de Oia recorda á súa veciñanza a oportunidade de participar no programa de compostaxe doméstica, como parte da iniciativa de mellora da xestión dos biorresiduos no municipio. Este programa está deseñado para fomentar a autoxestión da materia orgánica, co obxectivo de reducir a fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos.

O pasado 4 de xuño, a Casa da Cultura acolleu unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica, na que se repartiron 35 composteiros de forma gratuíta aos asistentes. Este evento subliñou a importancia da autoxestión dos biorresiduos e destacou o papel activo da veciñanza en materia medioambiental. Grazas á gran participación, aínda hai material dispoñible para aqueles que desexen participar nesta iniciativa.

Se es un veciño/a de Oia que dispón dun pequeno terreo, podes aproveitar estes residuos para facer un compost de excelente calidade. Para isto, dende o Concello, poñemos á túa disposición composteiros e aireadores de uso doméstico. As persoas interesadas en participar poden inscribirse para recibir o material necesario, que inclúe un composteiro, un manual de instrucións e un seguimento continuo por parte de expertos na materia. Para reservalos, só tes que inscribirte en: https://oia.rsu.gal/.

A compostaxe doméstica ofrece múltiples beneficios ambientais, como a redución da pegada de carbono asociada á recollida de residuos e a produción de compost, un abono natural que aporta nutrientes esenciais para o solo. Ademais, esta práctica contribúe a diminuír os custos de xestión dos residuos a longo prazo.

O Concello de Oia destaca a importancia da colaboración cidadá para o éxito deste proxecto e anima a toda a veciñanza a anotarse.

Contacto para máis información:

Teléfono: 647 521 464

Email: residuos@concellodeoia.gal

Web: https://oia.rsu.gal/

Pin It on Pinterest

Share This