O Concello de Oia aproba no pleno o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable

O Concello de Oia xa conta co seu propio Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento onde se inclúen medidas para frear o cambio climático e reducir a pegada de carbono, converténdose deste xeito nun municipio respectuoso e concienciado co medio ambiente.

O PACES recibiu o visto e prace no pleno ordinario celebrado este xoves, contando co respaldo do grupo municipal do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG-PSOE. Con esta aprobación cúmprese un dos compromisos asumidos polo Concello cando ingresou, o pasado ano, no Pacto de Alcaldías para o Clima e a Enerxía.

O Plan aborda unha serie de actuacións destinadas a reducir a pegada de carbono do concello en diversos ámbitos: inmobles e instalacións municipais, edificación residencial, transporte e mobilidade, produción de enerxía e xestión de residuos, entre outros.

A Administración local contou cun total de 3.993 euros para a elaboración do antedito documento. Esta cantidade procede das axudas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e dos Fondo Feder da UE, baixo o lema “Unha maneira de facer Europa”. 

Compromisos

Coa adhesión ao Pacto, o Concello asume unha serie de compromisos entre os que destacan a redución das emisión de dióxido de carbono nun 40% (redución da taxa de emisións per cápita) antes de 2030, a mellora da eficiencia enerxética e o aumento do uso de enerxías renovables.

Tamén se promoverán modos de mobilidade alternativos e se desenvolverán medidas encamiñadas a aumentar a capacidade de adaptación e a resiliencia do municipio fronte ao cambio climático e os seus riscos. Así, apostarase por un uso máis racional da auga, por unha planificación adecuada do uso do solo e dos recursos naturais, por un aumento da autosuficiencia a todos os niveis e pola protección da biodiversidade.

Ademais, o proceso incorporará a visión da cidadanía, corresponsabilizándoa como parte imprescindible para o desenvolvemento das medidas e a consecución dos obxectivos do PACES.

Pin It on Pinterest

Share This