O Concello de Oia chama ao consumo responsable da auga potable

Recoméndase evitar o uso de auga potable para piscinas, lavado de vehículos, rego de hortas e explotacións agrícolas e baldeo de rúas

Ante a situación actual de falta de precipitacións e altas temperaturas que se está a producir neste verán, o Concello de Oia fai un chamamento ao consumo responsable de auga potable, a fin de garantir o suministro a todo o municipio.

Tendo en conta as actuais circunstancias de seca prolongada, a Administración local solicita á veciñanza que tome conciencia no aforro de auga potable, evitando consumos innecesarios. Nese senso, recoméndase evitar o emprego de auga potable para piscinas, lavado de vehículos, rego de hortas e explotacións agrícolas e baldeo de rúas.

O Concello insiste na necesidade de adoptar estas restriccións atendendo ao ben común, reducindo o consumo da auga potable aos usos indispensables mentres non mude a situación meteorolóxica e continúe a situación de seca.

Así, apela á solidariedade e consumo responsable. Do mesmo xeito, quere agradecer á veciñanza a súa colaboración e comprensión ante as anteditas medidas preventivas.

Do mesmo xeito, nesta situacion de seca o Concello procedeu a tomar mostras para analizar as fontes do municipio nun laboratorio acreditado. Unha vez recibidos os resultados sobre a calidade das augas, serán publicados na web municipal (www.concellodeoia.es) e nos tablóns de anuncios das parroquias.

A evolución da situación de seca prolongada na demarcación Galicia-costa pode consultarse na seguinte ligazón da páxina de Augas de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This