O Concello de Oia convoca unha praza de técnico forestal
Inicia este procedemento co obxectivo de poder axilizar os trámites de limpeza de fincas e así contribuír na mellora da prevención de incendios forestais
O Concello de Oia convoca unha praza de técnico forestal con carácter de persoal laboral temporal. Debido a gran cantidade de requirimentos relativos á limpeza de fincas tramitados nos últimos anos, o Concello vén de iniciar este procedemento co obxectivo de poder axilizar estes trámites e así contribuír na mellora da prevención de incendios forestais.
Do mesmo xeito, a Administración local destaca a obriga de manter limpas as fincas, especialmente este ano que está sendo moi seco, e lembra o prazo da Xunta que obriga a ter limpas as fincas antes do 31 de maio.
Convocatoria
A praza de técnico forestal convócase para reforzo do servizo técnico municipal na tramitación e seguimento das ordes de execución de limpeza de fincas durante a tempada estival. O contrato será de 4 meses, con xornada parcial de 21 horas semanais (7 horas en luns, xoves e venres).
Ademais, crearase unha bolsa de emprego cos aspirantes que superen o proceso de selección.
As bases da convocatoria, que é por oposición libre, poden consultarse na sede electrónica do Concello de Oia (tanto no taboleiro de anuncios da sede como no portal de transparencia) www.oia.sedeelectronica.es.
A convocatoria foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) do venres 29 de marzo e o prazo para a presentación de solicitudes será de 8 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio.
As solicitudes poderán entregarse no Rexistro do Concello de Oia en horario de 9.00 a 14.00 horas ou por calquera outra das opcións establecidas na Lei 39/2015 de procedemento común das Administracións Públicas.
Tarefas a realizar
Segundo consta nas bases da convocatoria, a persoa que resulte seleccionada desenvolverá as seguintes tarefas:
- Xestionar as denuncias relacionadas coa Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios e a lei 7/2012 de Montes de Galicia.
- Comprobación do cumprimento ou non das obrigas de limpeza das parcelas.
- Demandas de información sobre autorización de cortas e queimas.
- Tramitación dos expedientes de corta ou queimas en núcleos e sobre denuncias de vertidos incontrolados.
- Información sobre a Lei de prevención e defensa contra incendios, fundamentalmente sobre distancias do arborado ás vivendas e obrigas dos propietarios forestais.
- Dar charlas informativas sobre cuestións relacionadas coa prevención de incendios, as obrigas de limpeza das parcelas, etc.