O Concello de Oia dá os primeiros pasos para a mellora e humanización da Estrada Vella
O proxecto prevé intervir en máis de 11.000 metros cadrados priorizando as persoas, mellorando a accesibilidade e seguridade, enfatizando o valor patrimonial do Camiño de Santiago e creando espazos para a xente
O Concello de Oia continúa a traballar para mellorar a accesibilidade e seguridade de distintos puntos do municipio a través de actuacións que, ao mesmo tempo, permitan gañar espazos públicos de calidade para a veciñanza. Neste sentido, xa deu os primeiros pasos para a futura humanización do tramo da Estrada Vella que vai desde o Mosteiro ata as Orelludas, para o que conseguiu captar o financiamento necesario para a redacción do proxecto así como doutros traballos previos.
No marco das subvencións convocadas pola Deputación Provincial de Pontevedra para a redacción de proxectos de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos da rede Ágora, o Concello priorizou un gran proxecto que busca dar solución aos problemas actuais, facendo a senda máis accesible e segura e deseñando espazos para o uso e desfrute das persoas.
Os primeiros traballos realizados con vistas a esta actuación foron a redacción do proxecto, a elaboración de infografías e o levantamento topográfico. En total, estes conceptos supuxeron unha inversión de 21.950 euros+IVE, financiados con cargo á antedita axuda provincial.
A partir de agora, o Concello traballará na consecución de novas vías de financiamento que permitan avanzar neste importante proxecto. As obras contempladas no proxecto suporán un investimento de algo máis dun millón de euros (sen contar o IVE) e permitirán mellorar a calidade de vida e mobilidade de locais e visitantes.
Melloras en máis de 11.000 metros cadrados
O proxecto de humanización da Estrada Vella prevé actuar nunha superficie de 11.135 metros cadrados de terreo con alto valor patrimonial e paisaxístico, e practicamente sen pendente, empregado frecuentemente como zona de paseo á beira do mar. Cómpre lembrar que este tramo de 3 km da Estrada Vella forma parte do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, polo que supón un punto frecuentado tanto pola veciñanza como por peregrinos e outros visitantes.
Os principais obxectivos deste proxecto son priorizar as persoas e o tráfico peonil, mellorar a accesibilidade e seguridade, enfatizar o valor patrimonial do Camiño e crear zonas de estancia e descanso para viandantes. Entre outras actuacións previstas suporán un investimento total de aproximadamente destaca a subsanación das deficiencias que actualmente presenta o firme, melloras en muros de contención, incorporación de elementos para a seguridade no uso público do espazo e diversas melloras na drenaxe e na iluminación.