O Concello de Oia entrega 19 novos composteiros entre a veciñanza
A Administración local continúa así co seu programa de compostaxe doméstica
O Concello de Oia continúa co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través do reparto de 19 novos composteiros individuais que nos últimos días foron entregados ás veciñas e veciños que os tiñan solicitado durante o prazo habilitado o pasado mes de novembro.
Ademais de recoller os seus dispositivos para compostaxe, as persoas beneficiarias do programa participaron nunha charla explicativa sobre o uso dos composteiros. A charla foi impartida por un técnico de Sogama no centro sociocultural de Pedornes na tarde do pasado venres.
As veciñas e veciños que reciben un composteiro do programa municipal quedan comprometidas a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.
Promoción da compostaxe doméstica
A nova partida, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.
Dentro deste programa municipal, desde o ano 2019 Concello leva entregados un total de 69 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.
Beneficios da compostaxe
O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.
Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.