O Concello de Oia firma un convenio de colaboración para acondicionamento do contorno da Casa Consistorial
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 60.000 euros en acondicionar o contorno da casa consistorial de Oia, tal e como se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa.
O obxectivo dos traballos será remodelar os espazos circundantes á casa consistorial. Para conseguilo, procederase a un novo axardinamento e ordenación da zona, que conforma un miradoiro sobre o Mosteiro de Oia e o océano Atlántico, co fin de que os veciños poidan usalo en condicións de seguridade e accesibilidade.
Ao mesmo tempo, mellorarase a estética das beirarrúas próximas e axeitaranse ao contorno do monumento, así como ás condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Ademais, procederase ao saneado e limpeza da praza situada á esquerda da casa do concello.
Por outra banda, no espazo posterior e á dereita da praza, incorporarase unha varanda de aceiro galvanizado para mellorar a seguridade da balaustrada existente.
A finalidade última destas actuacións é favorecer o tránsito e e a mellora da accesibilidade ao regularizar o pavimento, o axardinamento e a seguridade, de xeito que o espazo poida usarse como miradoiro con todas as garantías.
Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.