O Concello de Oia habilita un visor para consultar as faixas de seguridade fronte a incendios

O pleno do Concello de Oia vén de dar a aprobación definitiva ao seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O documento define as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Tendo en conta que as fincas que se atopen nestas faixas deben estar limpas, o Concello xa ten en marcha unha ferramenta web que permite, de xeito sinxelo e áxil, acceder a información sobre que parcelas están afectadas.

O visor está xa accesible na páxina do Concello (www.concellodeoia.es) facendo click no apartado “Faixas biomasa”. Tamén pode consultarse directamente a través da ligazón https://arcg.is/1PaCTK0.

Acceso áxil e sinxelo

Esta ferramenta web permite consultar a información  empregando un ordenador, tableta ou teléfono móbil. Entre outras utilidades, a aplicación inclúe opcións de localización GPS e permite a procura de parcelas segundo a referencia catastral ou o enderezo. Tamén ofrece a posibilidade de imprimir os mapas.

Con este novo sistema ponse ao dispor da veciñanza unha ferramenta doada de empregar e que permite facer a consulta en calquera momento, aproveitando a practicidade das tecnoloxías GPS e obtendo a información de xeito inmediato. Non obstante, as persoas titulares de parcelas que teñan algunha dúbida relacionada coas faixas de xestión de biomasa poden acudir ao Concello.

Pin It on Pinterest

Share This