O Concello de Oia investirá 65.000 euros en ampliar a rede de saneamento

O Concello de Oia investirá máis de 65.000 euros en ampliar a rede de saneamento municipal, uns traballos que permitirán conectar o camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e, na parroquia de Viladesuso, prolongar a rede existente ata a altura de Paxariños-Sobral

A Administración local fixo unha solicitude ás  subvencións de Augas de Galicia destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración; resultando beneficiaria dunha axuda de 50.000 euros para a execución do proxecto presentado.

Este proxecto consiste na creación da rede de saneamento de augas residuais no camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e da parte baixa do Sobral (Viladesuso), lugares que ata o de agora non estaban conectados a antedita rede. Nestes puntos instalarase unha rede composta por colectores de PVC, os correspondentes pozos de rexistro e as acometidas domiciliarias. Unha vez finalizados os traballos, reporase o firme dos camiños afectados polas obras.

O Concello de Oia afrontará os custos destas obras cos 50.000 euros da subvención concedida por Augas de Galicia ao abeiro das subvencións “destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración”, financiadas con fondos europeos (concretamente, no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020). O importe restante asumirao con fondos propios.

Licitación

O Concello vén de sacar a licitación destas obras de saneamento, cun orzamento total de 65.122,6 euros (IVE incluído). O anuncio de licitación esta publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na plataforma de contratación do Estado.

A antedita licitación levarase a cabo mediante procedemento aberto e as empresas interesadas terán de prazo ata o 24 de agosto ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas.

Pin It on Pinterest

Share This