O Concello de Oia investirá este ano 131.000 euros na adquisición de varias parcelas nos arredores do Mosteiro
O Concello de Oia dá os primeiros pasos na súa aposta pola mellora da mobilidade no contorno do Mosteiro e o casco histórico do Arrabal mediante a adquisición de varios terreos situados nas inmediacións, co obxectivo de destinalos a zonas de aparcamento disuasorio.
Tendo en conta que todos os anos, principalmente en época estival, se producen aglomeracións de vehículos que afean e xeran problemas de tráfico neste entorno único e de gran valor patrimonial -por onde tamén pasa o Camiño Portugués da Costa- a dotación de aparcamentos disuasorios contribuirá a aliviar a circulación e liberar espazos como a Eira do Convento e arredores.
A alcaldesa, Cristina Correa, vén de dar este martes o primeiro paso para esta transformación coa formalización da compra-venda ante notario da parcela de aparcamento que ata o de agora tiña en aluguer, de aproximadamente 1.709 metros cadrados de superficie e situada na rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño. Coa parcela xa en propiedade, o Concello poderá elaborar un proxecto que permitirá o seu máximo aproveitamento.
Ademais, nos próximos meses adquiriranse dúas parcelas máis, de aproximadamente 1.772 metros cadrados de superficie e situadas a continuación da recén mercada, para destinalas con carácter inmediato á ampliación de aparcamento. Posteriormente, cando a modificación das Normas Subsidiarias actualmente en redacción entre en vigor e permita o cambio de uso, este novo espazo destinarase a parque infantil -unha dotación moi necesaria e demandada pola veciñanza ao non haber ningún equipamento deste tipo na parroquia de Santa María de Oia-.
A adquisición dos tres terreos suporá un investimento total de 131.000 euros, cantidade que se financia a través do Plan Concellos do ano 2021 da Deputación de Pontevedra.
Cristina Correa avanza que, ademais de traballar na compra destes tres terreos, o Concello tamén está a manter conversas cos propietarios de parcelas lindeiras co obxectivo de chegar a consensos. Segundo apunta, estes novos acordos posibilitarían “unha mellora notable para o futuro de Oia”.
A alcaldesa lembra que a aposta pola adquisición de terreos é manifesta tamén noutras parroquias, xa que “ter a propiedade permitirá ao Concello optar a subvencións para abordar proxectos máis ambiciosos que redunden nunha mellor calidade de vida da veciñanza”.
Mellora do acceso ao embarcadoiro
Por outra banda, a rexedora local estase a poñer en contacto cos propietarios das parcelas que lindan coa Rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño en relación a actuación “Mellora do acceso ao embarcadoiro”. Trátase dun proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra que permitirá ensanchar a rúa para habilitar dous carrís de vehículos e unha senda peonil. Para poder levalo a cabo precísase da cesión de terreos.
A alcaldesa iniciou os contactos con estes veciños para explicarlles en que consiste este proxecto e a súa afección, así como a importancia do momento actual: “Preséntanse no horizonte oportunidades cos fondos europeos que non se deben desaproveitar”, conclúe Correa.