O Concello de Oia mellorou camiños no Serrallo e As Mariñas
A Xunta subvencionou con 38.000 euros a mellora de camiños no Serrallo e As Mariñas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora de camiños no Serrallo e As Mariñas, no concello de Oia. Estes traballos foron posibles grazas a unha axuda da Xunta de máis preto de 38.000 euros.
A actuación, que consistiu na substitución do firme destas dúas vías permitirá mellorar a seguridade destas zonas que ademais se atopan próximas a complexos deportivos e de xogo habitualmente usados polos nenos e nenas da zona.
A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local, que beneficiou a 18 concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 662.000 euros.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre institucións e lembrou que a Xunta “seguirá confiando no criterio dos alcaldes e alcaldesas, que son quen mellor coñece as necesidades do seu concello, para optimizar a utilización dos recursos público e facer que os investimentos melloren a calidade de vida dos galegos e galegas”.