O Concello de Oia mostra as súas pinturas murais a través de rutas guiadas de arte urbana e historia

Serán o sábado 15 de maio e o domingo 20 de xuño ás 12.00 e ás 16.30 horas. As visitas requiren inscrición previa

As diversas obras de pintura mural coas que, ao longo dos últimos anos, se teñen ido embelecendo distintos espazos públicos de Oia son as protagonistas dunha serie de rutas turísticas que se desenvolverán os próximos 15 de maio e 20 de xuño, organizadas polo Concello de Oia. O itinerario afonda sobre os detalles destas orixinais e coloridas mostras de arte urbana, elaboradas polo artista venezolano Flix, e tamén na historia local.

A programación destas visitas guiadas de arte urbana e historia en Oia celebraranse seguindo as restricións derivadas da situación da COVID-19. Tanto o sábado 15 de abril como o domingo 20 de xuño haberá dispoñibles dous horarios: as 12.00 e as 16.30 horas.

O itinerario da ruta incluirá os dous murais de Flix na rúa Párroco Claudio Rodal Fandiño (a baixada ao Mosteiro), as pinturas exteriores e interiores no CEIP Mestre Manuel García e a das gradas do campo de fútbol municipal.

As visitas requiren reserva previa e serán desenvolvidas polo guía oficial especializado Borja Concheiro. Para máis información e realizar as reservas pódese consultar a seguinte web: https://www.vigoturistico.com/primera-ruta-de-arte-urbano-concello-de-oia/   

Pintura mural en Oia

Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo ProxectoEwa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.

A vontade do Concello de Oia é a de continuar esta frutífera colaboración artística, á fin de seguir embelecendo o municipio a través das orixinais e coloridas creacións de Flix.

Pin It on Pinterest

Share This