O Concello de Oia organiza mañá unha reunión informativa sobre o parque eólico Merendón
O Concello de Oia lembra que mañá terá lugar a reunión convocada para informar sobre o proxecto do parque eólico Merendón, actuación contra a que a Administración local está a preparar as súas alegacións en contra. Tal e como anticipara hai dúas semanas, a xuntanza celebrarase este martes 11 de xaneiro ás 18.30 horas nas Escolas de Loureza.
O DOG do 23 decembro anunciou o procedemento de información pública para o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións do parque eólico Merendón. Este parque prevé un total de 5 aeroxeradores, dous deles en Oia e tres no Rosal.
Actualmente o Concello está a ultimar as alegacións en contra do citado proxecto do Meredón. Así, un especialista contratado pola Administración local está a desenvolver os traballos de análise da documentación e da redacción das alegacións que se van presentar.
O Concello lembra que a documentación sometida a información pública (proxecto de execución, estudo de impacto ambiental, proxecto sectorial -proxecto de interese autonómico-) pódese consultar na seguinte ligazón da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica, na epígrafe de instalacións de xeración. O prazo de presentación de alegacións remata o próximo día 14.
Así mesmo, o Concello de Oia ten creado un apartado específico na web municipal onde vai actualizando a información dispoñible sobre os parques eólicos que afectan ao municipio. A documentación relativa ao Merendón está dispoñible para a súa consulta na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-do-merendon/
Características técnicas do parque do Merendón
Segundo consta no DOG do pasado 23 de decembro, as características técnicas do proxecto do parque eólico do Merendón son as seguintes:
-Cinco aeroxeradores de 4.200 kW de potencia nominal unitaria, de 112 m de altura de buxa e 136 m de diámetro de rotor.
– Cinco centros de transformación de potencia aparente 4.700 kVA e tensión 0,72/30 kV, localizados no interior dos aeroxeradores.
– Rede de media tensión de 30 kV soterrada, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación de manobra.
– Subestación de manobra e centro de mando e control do parque.
– Rede de media tensión de 30 kV soterrada, de interconexión entre a subestación de manobra e a subestación de transformación 30/132 kV.
– Subestación de transformación 30/132 kV. Así mesmo, para realizar as funcións de control, mando e protección da instalación montaranse os seguintes cadros: servizos auxiliares, baterías de corrente continua 48 Vcc, proteccións eléctricas e sistema de control e SCADA. En 132 kV o transformador está directamente conectado á posición de 132 kV da subestación O Rosal mediante barras.