O Concello de Oia organiza un concurso escolar de debuxo polo Día do Libro

Os gañadores serán premiados cun diploma e un lote de libros | Todos os traballos presentados formarán parte dunha exposición virtual na web do Concello

O Concello de Oia organiza un concurso escolar de debuxo co gallo do Día do Libro, celebración que se conmemora este venres 23 de abril. Con esta iniciativa, a Administración local quere animar aos escolares á lectura ao mesmo tempo que promove a súa creatividade.

O certame vai dirixido aos nenos e nenas matriculados nos CEIP Mestre Manuel García e Refoxos, os cales poderán participar entregando nos seus centros educativos un debuxo relacionado con algún personaxe literario ou inspirado nalgún libro. O prazo remata o 30 de abril e cada participante poderá presentar unha única obra.

O traballo deberá ser orixinal e inédito, estar feito en tamaño A4 (en papel ou cartolina) e a técnica a empregar será libre (acuarelas, lapis de cores, rotuladores, ceras, etc.). Na parte posterior da obra deberán figurar datos como o nome, apelidos e curso do alumno; así como o personaxe ou obra literaria na que se inspira a súa creación.

Premios

Os debuxos presentados serán avaliados polos xurados que se constituirán en cada un dos colexios. O alumando que resulte gañador do concurso recibirá como premio un diploma e un lote de libros

En total, o Concello de Oia entregará 6 premios (tres en cada colexio) tendo en conta as tres categorías establecidas nas bases do certame:

-Categoría 1: Infantil.

-Categoría 2: Cursos de 1º, 2º e 3º de primaria.

-Categoría 3: Cursos de 4º, 5º e 6º de primaria.

Ademais, todos os traballos presentados formarán parte dunha exposición virtual que se poderá visitar na web municipal (www.concellodeoia.es)

Pin It on Pinterest

Share This