O Concello de Oia organiza unha reunión informativa sobre o parque eólico Torroña I o luns 10 en Viladesuso

O Concello pon a disposición na web un modelo de alegación contra o proxecto

O Concello de Oia está a preparar as súas alegacións contra o parque eólico Torroña I, que se atopa actualmente na fase de información pública. Paralelamente, e ao igual que vén facendo con anteriores proxectos eólicos con afección no municipio, convoca unha xuntanza informativa coa veciñanza.  Será o luns 10 de abril ás 19.00 horas na casa cultural de Viladesuso.

Na xuntanza, un técnico achegará toda a información sobre o proxecto e as súas afeccións no concello e se porá a disposición da veciñanza un modelo de alegación para que as persoas que desexen posicionarse en contra deste novo parque eólico podan cubrila cos seus datos, asinala e presentala.

Ao mesmo tempo, o Concello vén de colgar o modelo de alegación na web municipal. Unha vez cuberto e asinado, o pódese presentar por rexistro ou ben pola sede electrónica do propio Concello. O documento está accesible na ligazón: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-torrona-i/ e o prazo para presentalas conclúe o 18 de abril.

O DOG do pasado 3 de marzo anunciou o procedemento de información pública do estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), das instalacións do parque eólico Torroña I. Este proxecto prevé a instalación de 4 aeroxeradores no concello de Oia.

Segundo consta no anuncio do DOG, o proxecto prevé unha potencia a instalar de 22,8 MW e unha produción neta anual de 67.530 MWh/ano. As súas principais características son as seguintes:

-4 aeroxeradores de 5.700 kW de potencia unitaria, de 163 metros de diámetro de rotor e unha altura de buxeiro de 148 metros, o que faría unha altura total de 229,5 metros.

-4 centros de transformación de potencia nominal 6.350 kVA e tensión 0,75/30 kV, situados no interior dos aeroxeradores.

– Rede de media tensión de 30 kV soterrada.

-Instalación de celas de media tensión na subestación de transformación Barrantes 30/132 kV para a conexión dos circuítos provenientes do parque eólico, situadas na sala de celas do edificio.

-2 torres meteorolóxicas, unha delas temporal, e outra permanente, de 148 m de altura.

Pin It on Pinterest

Share This