O Concello de Oia recibe unha doazón de libros procedentes da biblioteca persoal de Tito Lemos e dos fondos de InfoMAXE

O Concello de Oia vén de recibir unha doazón de libros procedentes da biblioteca particular de Tito Lemos, coñecido e querido médico da vila da Guarda. Os exemplares chegan á Oia grazas á familia do doutor, finado en 2019, e ás xestións desenvolvidas pola Fundación Tito Lemos e a asociación InfoMAXE, a cal tamén cedeu algunhas obras do seu fondo. O conxunto de libros quedará a disposición da veciñanza na zona de biblioteca da aula de novas tecnoloxías, situada nos baixos do Consistorio.

A alcaldesa, Cristina Correa, recibiu este mércores ao presidente da Fundación Tito Lemos, Miguel Reboredo, e ao representante de InfoMAXE, Celso Fariñas, para trasladarlles persoalmente o agradecemento polas xestións realizadas. Estas xestións permitiron que Oia poda contar coa importante doazón, procedente da familia do doutor Lemos así como dos propios fondos documentais de InfoMAXE. En total, recibíronse máis de 30 caixas cheas de novelas e unha interesante colección de libros de arte.

Como mostra de gratitude, a rexedora fíxolles entrega de exemplares das diversas publicacións editadas polo Concello nos últimos anos, todas elas sobre historia e patrimonio local. Poa súa banda, os representantes dos colectivos enmarcaron a súa iniciativa na vontade de que eses libros poidan quedar “a disposición da xente”.

A doazón de libros de Tito Lemos vén a ampliar a oferta bibliográfica para consulta da veciñanza que está dispoñible na zona de biblioteca da aula de novas tecnoloxías de Oia (aula mentor), situada no baixo do edificio da Casa do Concello, en horario de 9 a 14h.

Pin It on Pinterest

Share This