O Concello de Oia recoñece o inmenso labor desenvolvido por Remigio Nieto así como a súa excepcional calidade humana

Exerceu como profesor en Oia nos anos 70 do pasado século, formando a varias xeracións de veciños e veciñas | Desenvolveu unha intensa actividade artística, no ámbito do patrimonio e na vida social e veciñal | A súa figura representa valores como o esforzo, o compromiso, o altruísmo, a honradez, a curiosidade e a creatividade

A veciñanza de Oia vén de recibir nestes días a triste noticia do pasamento dun dos seus referentes tendo en conta a súa traxectoria profesional, excepcional calidade humana e compromiso coa comunidade. Trátase de Remigio Nieto González, quen exerceu como profesor no municipio nos anos 70 do pasado século.

Don Remigio, como era coñecido polo seu alumnado, permanece na memoria dos que foron os seus estudantes como un mestre innovador, creativo, honrado, humilde e comprometido coa xente. O desenvolvemento de aulas ao aire libre e a organización de saídas e excursións para coñecer a contorna foron parte das súas orixinais e pioneiras iniciativas no eido educativo.

No ano 1971 chegou á parroquia de Mougás para exercer alí de mestre. En 1974, coa finalización das obras de construción do colexio de Oia, foille encomendada a posta en marcha deste novo centro educativo, do que foi director entre 1975 e 1979. Nese ano abandonou o municipio para ocupar unha praza de profesor en Poio, onde residiu o resto da súa vida sen perder o contacto con Oia.

Pero a fonda pegada que Remigio Nieto deixou no concello non foi só produto do seu labor docente, como profesor de lingua francesa e plástica. Foi tamén activo en moitos outros eidos culturais e sociais: cultivou diversas disciplinas artísticas, interesouse polo patrimonio histórico e paisaxístico e participou intensamente na vida da comunidade. 

A este último respecto, destaca a súa implicación na creación da Asociación Veciñal de Mougás en 1978, redactando os estatutos da que foi a primeira no rural galego fundada despois da ditadura franquista. 

‘Ánimas de catro carballos’. R. Nieto, 1997. Óleo/lenzo 73x54.

Artista multidisciplinar

Na súa faceta artística, Remigio Nieto desenvolveu un intenso labor en campos como a pintura, a ilustración, a fotografía, o audiovisual e incluso a literatura, cultivando xéneros como a poesía ou o ensaio.

Parte da súa multidisciplinar e prolífica obra foi realizada durante os anos nos que residiu en Oia, localidade que garda un valioso legado nos libros, fotografías, películas e pinturas da súa autoría que deixou depositadas en Mougás como doazón. 

O seu legado tamén sigue vivo nas varias xeracións de veciños e veciñas aos que formou, os cales o lembran con agarimo e o manteñen como referente nas súas vidas. 

Recoñecemento

Co gallo do seu falecemento, o pasado 2 de decembro, o Concello de Oia quere recoñecer a figura de Remigio Nieto e agradecerlle o inmenso labor desenvolvido durante o tempo no que residiu no municipio. Don Remigio representa valores como o esforzo, o compromiso, o altruísmo, a curiosidade, a creatividade e a calidade humana; virtudes máis necesarias ca nunca na sociedade actual.

Finalmente, e en nome de todo o pobo de Oia, o Concello quere trasladar as súas condolencias a familiares e amizades de Remigio Nieto, ás que lle envía unha calorosa aperta.

Esta homenaxe foi posible grazas á iniciativa de María Dolores Álvarez Giráldez e María de los Ángeles Fernández Trigo, veciñas de Mougás que achegaron información e materiais sobre D. Remigio e a súa actividade en Oia

Pin It on Pinterest

Share This