O Concello de Oia reformará a Praza de Burgueira
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, agradeceu á institución provincial “a oportunidade que este novo plan da Deputación supón para transformar un espazo que hoxe está morto”
O plan ReacPon da Deputación de Pontevedra suporá a radical transformación da Praza do Campo en Burgueira-Oia cun proxecto de recuperación do espazo público que se traducirá nun novo punto de encontro e de esparexemento para a cidadanía. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, asinou hoxe coa alcaldesa Cristina Correa o convenio para esta actuación, que suporá un investimento total de 267.867,45 € dos que a Deputación achega 241.080,71 €, e que cambiará por completo esta zona de Burgueira. “Participar neste plan da Deputación é unha importante oportunidade para converter este espazo, que a día de hoxe está morto e non ten atractivo, nunha grande praza”, manifestou a alcaldesa.
A presidenta Carmela Silva lembrou que co plan ReacPon “os nosos obxectivos son facer unha política económica expansiva, poñendo recursos económicos públicos á disposición de crear actividade económica e emprego e apoiar así a saída da crise económica derivada da pandemia, pero sobre todo facer fincapé en que os concellos, particularmente os de menos de 20.000 habitantes, teñen escasos recursos para facer fronte a todos os proxectos relevantes que teñen configurados, polo que precisan do apoio doutras administracións”.
A responsable provincial recordou que o Plan está a converter as vilas e municipios en lugares máis atractivos, “máis desexables para vivir e que nos veñan visitar” e onde as persoas son “a prioridade”. Así subliñou que o proxecto de Oia supón contribuír á construción de “vilas amables nas que a xente sexa protagonista e dando cumprimento aos obxectivos da Axenda 2030 e dos fondos Next Generation, apostando pola sostibilidade e eficiencia enerxética”
Pola súa banda, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa agradeceu á Deputación “esta oportunidade de transformación da vila que se unirá, tamén con recursos do Plan Concellos da Deputación, á adquisición dunha parcela “para unir esta nova praza coa Igrexa de San Pedro de Burgueira e avanzar máis na mobilidade peonil dando protagonismo ás persoas”.
A actuación na Praza do Campo, un lugar estratéxico a carón da Igrexa de San Pedro, construirá un espazo de reunión para a veciñanza totalmente accesible, definindo e separando os seus límites da estrada e do camiño que o rodean. Será unha gran praza pública para a que se mellorará o acceso peonil e contará con aparcadoiro, pérgola, banco perimetral, miradoiro cara ao val de Burgueira, área de sombra e superficie libre para actos e festexos. Será unha actuación moi respectuosa e, amais, porase en valor un elemento patrimonial tan importante como o cruceiro existente no lugar. O acondicionamento e embelecemento da praza do Campo inclúe tamén nova iluminación, máis eficiente, e novo pavimento.
O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficia 47 concellos de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e aos obxectivos da Axenda 2030 e dos fondos europeos. O programa suporá a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio e oito novas infraestruturas deportivas.