O Concello de Oia rehabilita o muíño de Refoxos (Loureza), que volverá a poñerse en uso
O Concello de Oia vén de rematar as obras de rehabilitación do muíño de Refoxos, situado na parroquia de Loureza, co obxectivo de poñer en valor este elemento da arquitectura tradicional e a súa contorna. Ademais da limpeza, restauración e consolidación do antedito muíño, o proxecto incluíu a recuperación do seu sistema hidráulico para que poida ser novamente utilizado.
Este muíño, situado entre as vivendas do núcleo de Refoxos, é de propiedade de varias familias (muíño de herdeiros), as cales realizaron unha cesión ao Concello para que se puidesen levar a cabo os traballos de reparación. Trátase dun singular exemplo de arquitectura tradicional, cunha construción feita en pedra a xunta seca e cuberta de tella e que comunica cunha présa cuberta por unha fermosa parra.
O lugar da actuación sitúase na rúa do Muíño de Refoxos, ao carón da vía pública e nun punto que parte da ruta de sendeirismo que conecta as parroquias de Burgueira e Loureza. Atópase preto doutros elementos de interese arquitectónica, etnográfica e natural do municipio, como pode ser a contorna das pozas da Bugalleira e de Loureza (Loureza) ou a recentemente premiada Praza do Campo (Burgueira). Deste xeito, esta nova actuación sobre un elemento do patrimonio local permite mellorar a oferta de atractivos turísticos do concello.
Para a realización destes traballos de rehabilitación o Concello captou fondos a través das subvencións da Axencia de Turismo de Galicia a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas. O organismo autonómico concedeu ao Concello a totalidade do investimento necesario para a actuación, que foi de 29.720,17 euros.
Segundo explicou a alcaldesa, Cristina Correa, a intervención no muíño de Refoxos tivo por obxectivo poñer en valor a contorna inmediata deste elemento patrimonial e dos seus mecanismos de moenda, “de xeito que as instalacións poidan volver ser utilizadas polas familias propietarias e tamén sirvan para mostrar ás novas xeracións como funcionaban estes enxeños movidos pola forza da auga”.
“Será unha boa oportunidade para divulgar os valores culturais, tanto materiais como inmateriais, que atesouran estes elementos senlleiros da cultura galega”, destacou. Así mesmo, a rexedora quixo agradecer ás familias propietarias pola súa sensibilidade á hora de ceder o muíño para a súa reparación.

