O Concello de Oia rehabilita o parque infantil de Viladesuso e leva a cabo melloras no campo de fútbol “As Tornas”
Os traballos foron financiados con cargo á liña de investimentos do Plan Concellos 2019 da Deputación
O Concello de Oia acometeu diversas obras de acondicionamento, renovación e mellora das instalacións de lecer e práctica deportiva da parroquia de Viladesuso e no campo de fútbol municipal das Tornas, en Santa María de Oia. A actuación contou cun orzamento total de 44.443,87 euros e foi financiada con cargo ao Plan Concellos 2019 (liña 1, investimentos) da Deputación de Pontevedra.
En Viladesuso, os traballos na zona de parque infantil consistiron principalmente na substitución de elementos deteriorados, como a torre, o columpio e o balancín, a instalación de novos xogos e a incorporación dunha fonte.
En canto ás instalacións deportivas, repintouse o campo de fútbol sala, substituíronse as porterías de fútbol sala por unhas novas con canastra incorporada e renovouse o céspede artificial. Tamén se incorporou un sistema de drenaxe entre a zona de céspede e o parque infantil.
Por último, o reacondicionamento desta zona tamén incluíu o cambio da pérgola existente por unha máis grande e a retirada das antigas instalacións de elementos biosaudables; a renovación de céspede natural, a instalación de novas papeleiras e o pintado de muros perimetrais.
Pola súa banda, as melloras acometidas no campo municipal das Tornas consistiron na colocación dunha nova rede de protección parabalóns e a instalación de dúas porterías regulamentarias de fútbol-7 abatibles e feitas en aluminio.
Actuacións en parques infantís do concello
Estes traballos véñense a sumar a outras actuacións do Concello en parques infantís doutras zonas do municipio realizadas nestes últimos anos, como é o caso do parque de Mavia, a ampliación do parque infantil de Mougás ou a renovación do parque biosaludable de Torroña.
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou que todas estas intervencións permiten mellorar a funcionalidade dos espazos e que, ao mesmo tempo, garanten a adaptación das instalacións á normativa vixente.
A rexedora afirma que a mellora das áreas infantís existentes no municipio e a dotación doutras novas son unha prioridade para o goberno local. Nese sentido, avanza que tamén se está a traballar na procura de terreos para a construción dun parque en Santa María de Oia, equipamento moi demandado pola veciñanza ao non existir ningún deste tipo na antedita parroquia.