O Concello de Oia rehabilitará a Praza de Abastos

O pleno aprobou hoxe o proxecto, que dotará ao municipio dun novo espazo de uso público

Desde hai máis dun ano o Concello de Oia vén dando pasos para avanzar no proxecto de reforma da Praza de Abastos, que permitirá a Oia contar cun novo espazo de uso público situado nunha zona estratéxica do municipio, en pleno centro, a carón da farmacia, centro de saúde, colexio, escola infantil… e con acceso dende a estrada PO-552. As primeiras accións consistiron nun estudo de mercado e anteproxecto, así como a organización de diversos encontros cos comerciantes locais a fin de coñecer as súas opinións e achegas.

Dentro destes primeiros traballos postos en marcha desde a Administración local tamén se lograron definir os diferentes usos que poderá albergar a nova praza: feira alimentaria, feira de artesanía, espazos públicos, bar-cafetería, entre outros. Con esta actuación tamén se pretende contribuír a desestacionalizar o turismo, procurando crear unha oferta atractiva que incentive a chegada de turistas de xeito regular, durante todo o ano.

Así mesmo, realizáronse unha serie de actuacións para a captación de fondos do PIREP Local do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (programa que se enmarca na estratexia deseñada polo Goberno para distribuír os fondos europeos Next Generation EU). A candidatura presentada ao PIREP conseguiu captar un investimento de aproximadamente 600.000 euros para desenvolver o proxecto de rehabilitación integral do edificio do mercado. Ao longo do ano hai convocadas outras liñas de subvención ás que se vai optar para conseguir o resto do financiamento necesario.

No día de hoxe continuouse avanzando para facer esta iniciativa realidade, aprobando o proxecto no pleno ordinario. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables dos grupos municipais do PP e BNG e a abstención do PSOE. O seguinte paso será licitar a obra. A alcaldesa, Cristina Correa, manifestou que “coa aprobación plenaria deste xoves séguese a avanzar nunha actuación que permitirá que Oia dispoña dunha nova praza de abastos así como novos espazos polivalentes que dean servizo á veciñanza”.

Pin It on Pinterest

Share This