O Concello de Oia renova a cuberta das Escolas de Loureza

O Concello de Oia acondicionará a contorna do edificio no presente mandato

O Concello de Oia vén de renovar a cuberta das antigas Escolas de Loureza. A actuación supuxo unha inversión de 24.422,29 euros e foi financiada ao 100% a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 2020 (liña 1, investimentos).

Esta obra, que ten por obxectivo corrixir o mal estado no que se atopaba a cuberta, supón dar continuidade aos traballos de mantemento e conservación realizados o ano pasado nestas instalacións. En 2019, e tamén ao abeiro do Plan Concellos, este equipamento municipal foi obxecto de diversas actuacións de reforma e mellora da accesibilidade por valor de 48.356,42 euros.

Todos estes traballos permitiron que o edificio das antigas Escolas de Loureza quedase totalmente habilitado para o desenvolvemento de actividades socioculturais como poden ser obradoiros, charlas, accións formativas, etc.

O Concello de Oia ten previsto seguir investindo na mellora deste equipamento en próximos exercicios. Segundo indica a alcaldesa, Cristina Correa, no presente mandato tamén se abordará o acondicionamento da contorna do edificio das Escolas de Loureza.

Pin It on Pinterest

Share This