O Concello de Oia renova a sinalización da Ruta Máxica de Mougás a Santa Marta
O delegado territorial visitou a nova sinalización que foi instalada grazas a unha axuda de Turismo de Galicia de 27.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a Ruta Máxica de Mougás a Santa Marta de Oia, un percorrido que conta cunha sinalización renovada grazas a unha axuda da Xunta de 27.000 euros outorgada no 2023.
Trátase dunha subvención destinada aos concellos con menos de 10.000 habitantes que contou cun orzamento de 3 millóns de euros para toda Galicia e que permitiu potenciar e mellorar as infraestruturas turísticas da comunidade autónoma.
No caso de Oia, o concello investiu esta axuda nun percorrido que cada ano conta con máis visitantes e que grazas ao traballo de promoción do grupo municipal, estase a converter nun importante atractivo para os millares de turistas e peregrinos que cada ano pasan por este concello costeiro.
Con esta actuación, desenvolvida a finais do pasado ano, quedaron renovadas as estruturas de sinalización direccionais (balizas, placas e postes frecha) así como as mesas interpretativas coa información sobre os principais recursos, tendo en conta que algunhas delas estaban xa deterioradas. Os traballos incluíron a elaboración dos novos contidos, a retirada da vella sinalización, a colocación dos novos soportes e os preceptivos traballos de control arqueolóxico.
Neste sentido, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial percorreu os primeiros metros da Ruta Máxica, comprobou o bo resultado dos traballos de sinalización e destacou a “o gran traballo que desenvolveu o concello, que está a demostrar o seu compromiso coa promoción turística de Oia e coa creación e conservación de espazos de lecer para toda a veciñanza”.
Pola súa banda, a alcaldesa non quixo perder a oportunidade de agradecer o apoio da Xunta e, “sobre todo ás comunidades de montes e ás persoas que colaboraron na creación e deseño deste itinerario sendeirista”.
Ruta Máxica de Oia
A Ruta Máxica de Oia percorre preto de 20 km das parroquias de Santa María de Oia, Pedornes, Viladesuso e Mougás, transcorrendo por terreos de monte veciñal en man común situados a unha altitude entre os 100 e os 300 m sobre o nivel do mar. De trazado lineal, está sinalizada nas dúas direccións pero recoméndase percorrela de sur a norte.
O itinerario permite gozar de numerosos miradoiros naturais con vistas ao Atlántico, zonas de petróglifos e castros (A Pedreira, A Pousadela, Cano dos Mouros e A Cabeciña, entre outros). Tamén contén espazos de interese natural como poden ser o bosque das Sobreiras do Faro e as pozas de Mougás, entre outros atractivos.