O Concello de Oia reparte 15 novos composteiros entre a veciñanza
A Administración local continúa así co seu programa de compostaxe doméstica | As persoas interesadas poden solicitalos no Concello ata o día 1 de decembro
O Concello de Oia continúa co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través da entrega de 15 novos composteiros individuais que se porán a disposición da veciñanza.
As persoas interesadas en solicitar un destes novos composteiros deberán inscribirse no Concello de Oia formalizando a correspondente solicitude, para o que dispoñen de prazo ata o 1 de decembro. Á hora de cumprimentar o formulario deberán indicar o enderezo e a referencia catastral da vivenda na que se vai colocar.
Os 15 dispositivos para o tratamento de compost serán adxudicados por orde de inscrición. En primeiro lugar atenderanse as solicitudes das persoas pendentes de convocatorias anteriores e, a continuación, procederase á entrega ás persoas inscritas neste novo prazo.
Os beneficiarios do programa deberán participar nunha charla explicativa sobre o uso dos composteiros que impartirá un técnico de Sogama. Así mesmo, quedarán comprometidos a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.
Promoción da compostaxe doméstica
A nova partida, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.
Dentro deste programa municipal, ao longo do pasado ano o Concello entregou un total de 50 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.
Beneficios da compostaxe
O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.
Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.