O Concello de Oia reparte 50 novos composteiros domésticos
As solicitudes poderán presentarse no Concello ata o día 31 de agosto
O Concello de Oia continúa coa súa campaña de compostaxe doméstica distribuíndo, de xeito gratuíto, 50 novos composteiros individuais entre as persoas que o soliciten. As solicitudes poderán presentarse no Concello ata o día 31 de agosto.
Esta nova partida de composteiros provén dunha achega da Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza (20 unidades) e doutra de Sogama (30 unidades) a través do programa de compostaxe doméstica.
O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar estes dispositivos nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.
Beneficios da compostaxe
O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural é beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.
Ademais, o compost axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia orgánica é reutilizada en vez de ser botada aos contedores de lixo.