O Concello de Oia vén de repartir un total de 60 trampas e atraentes para combater a invasión da avespa velutina. Este material vai destinado a apicultores das distintas parroquias do municipio.
O reparto fíxose en datas de primavera, un dos períodos máis importantes a ter en conta para o control da especie, pois é nese momento no que as raíñas da avespa asiática comezan a formar os seus niños primarios.
Desde a Concellería de Medio Ambiente lémbrase que, en caso de localización dun niño de velutina, os veciños e veciñas poden dar aviso para a súa retirada no teléfono do Concello (986 36 21 25) ou ben a través da aplicación Línea Verde (para teléfono móbil e tablet).
Charla na escola
Por outra banda, dentro das actividades de información sobre a avespa velutina, o Concello de Oia organizou neste curso escolar 2018-2019 unha actividade en colaboración coa Asociación Galega de Apicultores-Delegación Rías Baixas.
A iniciativa estivo dirixida ao alumnado de primaria do CEIP Mestre Manuel García e consistiu nunha charla informativa sobre o problema que causa esta especie de avespa, así como os diferentes métodos que se empregan para exterminala. Ademais, os nenos e nenas aprenderon a fabricar trampas caseiras.