O Concello de Oia saca a licitación melloras en varios camiños de Mougás e Loureza por máis de 100.000 euros

Reforzarase o firme en 4 camiños co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria, a vertebración do territorio e a calidade de vida da poboación

O Concello de Oia vén de sacar a licitación varios contratos de obras de mellora en catro camiños situados nas parroquias de Mougás e Loureza por un valor total de 109.455,43 euros. As actuacións consistirán maioritariamente en reforzo do firme nestas vías, actualmente moi deteriorado, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria, a vertebración do territorio e a calidade de vida da poboación.

As actuacións en Mougás sitúanse en dous camiños de titularidade municipal. Así, faranse melloras no acceso norte ao campo de fútbol do Cabezo e nun tramo do camiño de Fabás. A actuación afecta aproximadamente a un percorrido dun quilómetro.

O orzamento base de licitación destas obras ascende a 59.222,53 euros e a antedita licitación farase por procedemento aberto. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 27 de agosto ás 14.00 horas.

A actuación financiarase con 39.507,14 euros concedidos a Oia dentro  das subvencións convocadas por Vicepresidencia da Xunta para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2021. O investimento restante asumirao o Concello con fondos propios.

Melloras en Loureza

Pola súa banda, as intervencións de mellora na parroquia de Loureza desenvolveranse en dous puntos: nun tramo do camiño dos Eidos de Abaixo e noutro tramo do da Aldea, ambos de titularidade municipal.

Neste caso, o orzamento base de licitación é de 50.232,90 euros, IVE incluído. A licitación destas obras segue o procedemento aberto e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 27 de agosto ás 14.00 horas.

A actuación de mellora nos dous camiños de Loureza será financiada a través do Plan MARCO da Xunta -destinado á mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas- cun total de 40.109,88 euros, repartido en dúas anualidades (20.054,94 euros en 2021 e os restantes 20.054,94 euros en 2022). Pola súa parte, o Concello asumirá con fondos propios o importe correspondente ao IVE.

Pin It on Pinterest

Share This