O Concello de Oia, satisfeito coa avaliación ambiental desfavorable do parque eólico Toroña

O Concello de Oia amosa a súa satisfacción pola declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto de parque eólico Toroña que vén de publicar o DOG. Nese sentido, lembra que foi unha das entidades que presentou alegacións en contra de esta iniciativa.

O proxecto de parque eólico Toroña prevé a construción de 10 aeroxeradores cunha potencia total de 47MW e tería afección nos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal. Durante o procedemento de información pública, aberto en decembro de 2022, o Concello foi unha das entidades que alegou en contra, ao detectar incompatibilidade cos valores ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e turísticos presentes na área de afección, así como falla de licencia social.

Ao longo de toda a fase de información pública, a Xunta recibiu un total de 1.282 alegacións, das cales 1.255 foron de particulares, 24 de entidades e asociacións e 3 de concellos afectados.

Meses despois deses rexeitamentos ao proxecto eólico, o DOG publica hoxe o anuncio polo que fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, sostibilidade e Cambio Climático da Xunta. O documento afirma que “a actuación proxectada non é ambientalmente viable, polo que se propón formular unha declaración de impacto desfavorable”.

Nesta mesma liña, o Concello tamén quere lembrar que outros proxectos eólicos contra os que presentou alegacións, como o caso dos parques do Merendón e Albariño I (actualmente parados) tamén obtiveron no seu día declaracións de impacto ambiental desfavorables.

Informes desfavorables

A declaración de impacto ambiental do proxecto eólico Toroña fai unha análise técnica do expediente de avaliación ambiental do parque. Logo de finalizar o estudo, a resolución ambiental ten en conta unha serie de cuestións sinaladas nos distintos informes elaborados por diversos departamentos, entidades e institucións.

Concretamente, a declaración fai a súa proposta e resolución “á vista do que se desprende dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación aos bens patrimoniais que se verán afectados pola infraestrutura do parque eólico, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto aos impactos acusados do proxecto sobre a conservación dos hábitats das especies de aves rapaces existentes no entorno e o efecto de tipo de baleiro e/ou barreira sobre esta avifauna, da Dirección Xeral de Saúde Pública en relación aos efectos do ruído e parpadeo de sombras sobre a saúde das persoas, e do Instituto de Estudos sobre o Territorio en canto o impacto visual dos aeroxeradores na paisaxe”.

A declaración de impacto ambiental anunciada no DOG de hoxe está accesible para a súa consulta na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Pin It on Pinterest

Share This