O Concello de Oia se reúne coas traídas veciñais para explicar o Plan de apoio 2020-2023

O Concello de Oia convocou aos membros das directivas das traídas veciñais do municipio a unha reunión o pasado mércores 21 de agosto, no Centro Cultural de Pedornes, para pedir a súa colaboración e recoller as opinións e información necesaria para concretar as axudas do Plan de apoio as traídas veciñais de Oia 2020-2023.

Á reunión asistiu o técnico, Adolfo Azcárate, con máis de 20 anos de experiencia en legalización de aproveitamento de augas e constitución de comunidades de usuarios e regantes, quen explicou aos asistentes: o control sanitario das augas por parte dos xestores de abastecementos; a diferencia entre os distintos tipos de abastecemento; as obrigas dos xestores; o control mediante analíticas; os sistemas de potabilización; o estado e limpeza das instalacións; a elaboración do plan de autocontrol e xestión do abastecemento; etc.

A Alcaldesa destacou a importancia das traídas veciñais nas zonas rurais e dispersas, da gran labor desinteresada que fan os veciños para asegurar un servizo básico para a poboación, e que é preciso que conten co apoio das administracións para levar a cabo ese cometido con tódalas garantías. Atendendo á importancia dunha formación adecuada dos membros das directivas para o control sanitario dos abastecementos, o Concello vai continuar cos cursos de manipulador de auga de consumo humano, atendendo ao interese amosado polos asistentes á reunión. Así, para o mes de outubro se organizará un curso para dar cobertura a esta demanda.

Por outra banda, o Concello ten solicitada unha subvención á Xunta de Galicia para elaborar un Plan de Emerxencia ante a seca, que permitirá realizar unha primeira auditoría sobre o estado das redes de abastecemento para identificar posibles debilidades en todo o termo municipal.

Pin It on Pinterest

Share This