O Concello de Oia solicita fondos europeos para afrontar a reforma da Praza de Abastos

O Concello de Oia está a traballar nun proxecto para a reforma do edificio da Praza de Abastos co obxectivo de rehabilitar e poñer en marcha diversos usos neste equipamento municipal situado na Estrada Vista Alegre

Desde hai meses o Concello vén dando pasos para avanzar nesta iniciativa, que permitirá a Oia contar cun novo espazo de uso público situado nunha zona estratéxica do municipio, ao carón da estrada PO-552. Así, durante o ano pasado elaborouse un estudo de mercado e un anteproxecto da actuación. Ademais, mantivéronse diversas reunións cos comerciantes locais a fin de poder coñecer as súas opinións e achegas.

Dentro destes primeiros traballos estanse a definir os diferentes usos que podería albergar a nova praza: feira alimentaria, feira de artesanía, espazos públicos e bar-cafetería son algunhas das opcións actualmente en estudo. Así mesmo, realizáronse unha serie de actuacións con vistas a presentar esta actuación como candidata á captación de fondos do PIREP Local.

Candidatura ao PIREP Local

A partir do traballo previo realizado, a Administración municipal vén de elaborar un proxecto denominado “Eira Nova”, co cal se presentou á convocatoria de subvencións do PIREP Local do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O PIREP é un programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos de entidades locais deseñado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, PRTR (a estratexia española para distribuír os fondos europeos Next Generation EU).

Para asumir os gastos derivados da elaboración do proxecto co que o Concello concorre aos Fondos PIREP contouse cun total de 2.783 euros da Deputación de Pontevedra (procedentes das subvencións a entidades locais da provincia de Pontevedra con poboación inferior a 50.000 habitantes para o financiamento dos gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables ao abeiro da convocatoria do PIREP Local). Esta cantidade foi destinada a asumir os custos do proceso de documentación e asesoramento técnico para a preparación da antedita candidatura.

Pin It on Pinterest

Share This