O Concello de Oia transformará a praza de Abastos nun centro sociocultural
Luis López remarca o investimento de case un millón de euros para a transformación do antigo mercado de Oia nun centro sociocultural | O presidente da Deputación de Pontevedra realizou este luns a súa primeira visita institucional ao Concello de Oia para asinar, coa alcaldesa Cristina Correa, un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, asinaron este luns un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de case 400.000 euros, o 40 % do orzamento, os traballos para a rehabilitación do mercado de Oia. O Concello, pola súa banda, achega o 60 % do total (590.000 euros). O acordo asinouse na primeira visita institucional do mandatario provincial a este concello, un encontro no que López puxo en valor o traballo realizado polo equipo de goberno e aplaudiu a execución deste tipo de proxectos que transforman os equipamentos municipais e lle ofrecen mellores servizos á cidadanía.
A obra, valorada nun total de 982.000 euros, servirá para a recuperación dun mercado singular no centro do municipio; un proxecto que converterá este inmoble nun espazo de encontro para a cidadanía que integrará arte, cultura e comercio. Os traballos centraranse en crear un espazo central diáfano e unha bancada que permitirá a organización de eventos e a asistencia de espectadoras e espectadores. Ademais, o proxecto contempla a restauración da cuberta respectando o deseño orixinal a oito augas, a substitución da estrutura de aceiro por unha de madeira, a apertura de catro portas, unha en cada fachada, e a conservación das aberturas orixinais na fachada e na cuberta para dotar de iluminación natural un edificio que verá mellorada tamén a súa conexión coa fachada marítima.
Segundo se recolle no convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Oia realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor, unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.
A deste luns foi a primeira visita institucional de Luis López a Oia como presidente da Deputación e quixo agradecer e remarcar o compromiso do Goberno provincial para escoitar as necesidades do Concello, respectar a autonomía do Goberno local á hora de escoller que obras levar a cabo e apoiar proxectos transformadores.