O Concello destina no 2020 a gasto corrente 65.700 euros do Plan Concellos da Deputación
Os fondos dedicáronse a pagar facturas dos servizos de limpeza, da xestión de residuos e de saneamento
O Concello de Oia destinou un total de 65.700,30 euros ao gasto corrente derivado de diversas actuacións en materia de limpeza, xestión de residuos e saneamento. Este gasto realizouse ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, anualidade 2020.
Do total citado, a Administración provincial concedeu 31.870,52 euros da liña 2 (gasto corrente) do Plan Concellos 2020, que o Concello dedicou ao pagamento das facturas do servizo de limpeza de edificios municipais.
Ademais, e de acordo co que permiten as bases do antedito Plan Concellos 2020, o equipo de goberno oiense decidiu destinar a gasto corrente un total de 33.829,78 euros adicionais; os cales formaban parte dos fondos concedidos dentro da liña 1 do plan provincial (investimentos). Deses 33.829,78 euros, 24.000 destináronse ao abono das facturas de tratamento de residuos urbanos (SOGAMA) e os restantes 9.829,78 ao pagamento de facturas de mantemento do sistema de saneamento (compoñentes das depuradoras).