O Concello edita o libro O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar
en Concello, Cultura, Patrimonio, Tradición
A obra foi elaborada por ACAMO baixo a coordinación do historiador Fernando Javier Costas Goberna | O Concello repartirá entre a veciñanza exemplares do libro como agasallo de Nadal
O Concello vén de editar o libro O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar, unha publicación que ve a luz co gallo do 250 aniversario da colocación da figura da virxe no camarín do Altar Maior da igrexa parroquial de Santa María de Oia.
A obra, elaborada pola Asociación Cultural Amigos de Mosteiro de Oia (ACAMO) foi presentada no Salón de Plenos do Concello nun acto no que participaron a alcaldesa, Cristina Correa, xunto co coordinador e autor dos textos, o historiador Fernando Javier Costas Goberna.
A rexedora local agradeceu o traballo de todo o equipo que participou na elaboración da obra e louvou este tipo de iniciativas por “achegarnos á nosa historia e coñecer as nosas tradicións". O Concello repartirá entre a veciñanza exemplares do libro como agasallo de Nadal.
Pola súa banda, o coordinador do estudo explicou que a obra é froito do “traballo coral” de varios anos por parte dun equipo composto por membros de ACAMO e varias institucións, como a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o Real Mosteiro de Oia, a igrexa parroquial, a Comisión de Festas de Santa María de Oia e o propio Concello.
En canto á obra, sinalou que “permite situarse no contexto do achado (en 1581), do seu traslado ao Convento e posterior traslado a Salamanca” así como doutros fitos como a súa volta a Oia, a colocación inicial da talla no altar da Virxe do Rosario e a posterior e definitiva no camarín do Altar Maior (1770), onde permanece na actualidade.
“A Virxe do Mar, patroa de Oia, está inseparablemente unida á vida monacal do mosteiro situado na parroquia de dito nome”, lembrou Costas Goberna.
Sobre o libro
O libro fai unha completa e amena revisión de fontes escritas, orais, gráficas e bibliográficas, incluíndo novas referencias e achegas documentais.
A través de todas estas fontes, o traballo de investigación resultante permite coñecer o momento da aparición da figura da Virxe en Oia e no Mosteiro para entender mellor as circunstancias e repercusións do achado da figura, de orixe inglesa e aparecida na Punta Orelluda en 1581. Tamén achega informacións sobre a historia máis recente e da celebración das festas en homenaxe á virxe, desde a época monacal ata a actual.
Por outra banda, a obra afonda no estudo da imaxinería relixiosa do templo parroquial e aborda a problemática da conservación deste tipo de bens. Nese senso, o libro lembra que “a inquedanza polo mantemento deste patrimonio está xustificada porque forma parte da nosa historia e das nosas tradicións ancestrais”, tendo en conta ademais que se trata de imaxes de “extraordinario interese artístico e histórico”.