O Concello inicia un ciclo de proxeccións da primeira e segunda parte do documental “Memorias de Oia”

A primeira das proxeccións será o 15 de marzo en Loureza | A segunda parte do documental estrearase o 19 de abril baixo o título “Lembranzas doutro tempo”

O Concello de Oia inicia un ciclo de proxeccións dos dous documentais que recollen as testemuñas orais das persoas maiores do municipio, as cales relatan as súas vivencias e experiencias de tempos pasados. Trátase do audiovisual “Memorias de Oia” -realizado durante o pasado ano- e a súa segunda parte, “Lembranzas doutro tempo”, que se gravou nos primeiros meses de 2019.

O documental “Memorias de Oia”, de aproximadamente unha hora e media de duración, foi estreado en 2018 durante a Semana Cultural de Pedornes e proxectouse por segunda vez durante a Semana Cultural de Mougás, en datas de Nadal. En canto á segunda parte do proxecto, despois de varias semanas de gravación de entrevistas e localizacións nos meses de xaneiro e febreiro, actualmente atópase en proceso de edición e montaxe para a súa estrea o próximo 19 de abril na Casa Social de Burgueira.

Este proxecto do Concello de Oia está producido por Samaín Producións e tamén contou coa colaboración de Chicho, veciño de Pedornes que achegou material audiovisual do seu arquivo persoal para a elaboración da primeira peza. Ambos documentais serán proxectados polas parroquias durante os próximos meses co obxectivo de difundir e poñer en valor o patrimonio inmaterial local recompilado nas entrevistas: oficios, festas e tradicións, vivencias e anécdotas de incalculable valor cultural. Historias relatadas en galego, cos xiros dialectais propios desta zona do Baixo Miño, polos seus propios protagonistas.

O Concello de Oia quere agradecer a dedicación e dispoñibilidade de todas as persoas entrevistadas, dos seus familiares e dos veciños e veciñas que colaboraron para que ámbalas dúas pezas audiovisuais sexan unha realidade.

A primeira parte do proxecto “Memorias de Oia”, contou cunha achega do Concello de Oia e máis cunha subvención da Xunta de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. Para a realización da segunda parte do proxecto “Memorias de Oia”, titulada “Lembranzas doutro tempo”, se contou cunha achega do Concello de Oia e máis cunha subvención da Deputación de Pontevedra dentro do programa “Promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega”.

Calendario de proxeccións

A primeira e segunda parte do documental proxectaranse durante os meses de marzo, abril e maio polas distintas parroquias de Oia. Estas son as primeiras datas confirmadas:

 

  • DOCUMENTAL MEMORIAS DE OIA
    • Loureza. Abadía: venres 15 de marzo, 19.00h.
    • Burgueira. Casa Social: sábado 16 de marzo,17.00h.
    • Viladesuso. Casa Cultural: sábado 16 marzo, 20.00h.
    • Santa Mª de Oia. Casa Cultural: martes 19 de marzo, 19.30h.

 

  • DOCUMENTAL LEMBRANZAS DOUTRO TEMPO (“Memorias de Oia” II parte)
    • Burgueira. Casa Social: venres 19 de abril, 17.00h.→ESTREO
    • Pedornes. Centro Cultural: venres 19 de abril, 20.00h.

Pin It on Pinterest

Share This