O Concello mellora a contorna da Capela de San Sebastián, entrada do Camiño Portugués da Costa en Oia
Crea unha pequena zona de parada e descanso con vistas ao océano Atlántico, o barrio histórico do Arrabal e ó Mosteiro de Santa María de Oia
O Concello de Oia vén de rematar as obras de adecuación da contorna da Capela de San Sebastián, situada na entrada do Camiño Portugués da Costa no municipio. A intervención ten por obxectivo embelecer o lugar crear unha pequena zona de descanso no lugar, con vistas ao océano Atlántico, o barrio histórico do Arrabal e ó Mosteiro.
Os traballos incluíron a instalación dunha pequena estrutura de madeira tratada aproveitando o muro de perpiaño que hai nas proximidades do templo. Duns 5 metros lineais por medio metro de ancho e alto, a citada estrutura funciona a xeito de banco, convidando a viandantes a deterse para contemplar a paisaxe, a descansar e refrescarse na fonte que hai nas proximidades.
Ademais do forrado do muro para a construción do banco, fixéronse traballos de limpeza da maleza e vexetación e instalouse unha papeleira do mesmo material que o banco: madeira tratada e dun acabado en cor verdosa que evita a xeración de impacto visual.
Os traballos supuxeron un investimento total de 4.235 euros, que o Concello financiou a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra dirixida á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural (ano 2019).
Por outra parte, a contorna da Capela de San Sebastián será obxecto de novas actuacións vinculadas ao Camiño Portugués da Costa, coa próxima instalación dun panel por parte de Turismo da Xunta de Galicia.