O Concello ofrece 2 prazas de técnico de turismo

O Concello de Oia abre o proceso de selección de 2 persoas para o posto de técnico/a para a oficina de turismo. Trátase dun contrato de persoal laboral temporal a tempo parcial (30 horas semanais) e de 3 meses de duración.

A actividade a desenvolver consiste en tarefas de información, animación e promoción turística na oficina de turismo municipal, situada no barrio do Arrabal (Praza Centinela). O proceso selectivo será mediante concurso-oposición e inclúe proba de coñecementos teóricos. Coas persoas aprobadas no proceso se elaborará unha bolsa de emprego destinada a cubrir posibles eventualidades.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe venres o anuncio deste proceso selectivo, informando de que se abre un prazo de 5 días hábiles a partir de mañá para a presentación de candidaturas.

As bases da convocatoria con todos os requisitos, información, prazos e o modelo de instancia poden consultarse na sede electrónica do Concello de Oia (tanto no taboleiro de anuncios como no portal de transparencia), na seguinte ligazón.

As contratacións do persoal de turismo serán efectuadas polo Concello de Oia. A Administración local ten concedida unha subvención da Deputación de Pontevedra (destinada ao financiamento dos custos e dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas durante o ano 2021) que cubre o 75% do custo dunha das dúas persoas contratadas.