O Concello solicita financiamento do muro que separará o Colexio CEIP Mestre Manuel García, do novo Centro de saúde
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou esta mañá, coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o financiamento do muro que se está a construír para separar o colexio Mestre Manuel García do novo centro de saúde da localidade.
Na reunión estivo tamén presente o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen destacou o apoio da administración para cos dous centros educativos cos que conta este municipio onde se investiron nos últimos anos case 137.000 euros en diversas melloras como a reforma das cociñas e da aula de infantil, así como a reparación da cuberta do pavillón e do ximnasio e a instalación eléctrica do Mestre Manuel García, ou a instalación de fontanería e a reforma da instalación eléctrica do CEIP de Refoxos.
Delegado territorial e alcaldesa acordaron afrontar a execución deste muro, que está a levar a cabo a empresa concesionaria da execución das obras do centro de saúde, con cargo a ambas administracións. A obra é necesaria xa que, “tívose que tirar o muro que existían anteriormente e é imprescindible, pola seguridade dos alumnos, que ambas infraestruturas se atopen separadas e sexan independentes”.
Por outra banda, a alcaldesa trasladou tamén a Cores Tourís a solicitude de que, con cargo aos orzamentos deste ano, se executen melloras nos centros educativos da localidade, en especial, para mellorar a eficiencia enerxética dos mesmos, comprometéndose o concello, pola súa banda, á execución doutras obras nos mesmos.