O delegado do Goberno visita Oia para coñecer as actuacións do Plan de Sustentabilidade vinculado ao Xacobeo
O obxectivo das actuacións, previstas para o período 2022-2024, é crear novas infraestruturas turísticas eficientes e diversificar a oferta do turismo local vinculado ao Camiño de Santiago
O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, visitou hoxe o concello de Oia acompañado pola alcaldesa, Cristina Correa Pombal, para coñecer as áreas nas que se intervirá no período 2022-2024 no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino desenvolto pola entidade local para a convocatoria extraordinaria do Plan Nacional Xacobeo 2021-2022, financiado con cargo aos fondos de recuperación europeos Next Generation. O obxectivo destas actuacións, para as que Oia obtivo un financiamento de 1,5 millóns de euros, é crear novas infraestruturas turísticas e diversificar a oferta de turismo local vinculada ao Camiño de Santiago.
O delegado do Goberno e a alcaldesa de Oia mantiveron unha reunión na Casa do Concello e, posteriormente, visitaron os terreos do antigo cámping de Pedra Rubia en Mougás. A visita estivo centrada nunha das áreas nas que se acometerá unha das principais intervencións contempladas no Plan que contribuirá a que o concello se erixa como destino turístico slow e vinculado á natureza.
Durante a visita desde xoves, o delegado do Goberno manifestou o compromiso do Executivo coa cohesión territorial e o pulo ao turismo sostible de Galicia e puxo como exemplo o Plan de Sustentabilidade Turística do Concello de Oia. “Contribuiremos a tecer un sector turístico máis desestacionalizado, eficiente e resiliente”, asegurou.
Pola súa banda, a rexedora municipal afirmou que este Plan supón “unha oportunidade para Oia, pois vai permitir crear novas infraestruturas turísticas, diversificar a oferta e crear novos produtos para o sector”. Así mesmo, manifestou que o Concello segue a traballar para posicionar o municipio “como destino de turismo slow, de natureza e familiar”.
Intervencións previstas
Entre as liñas de actuación previstas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino destaca a creación dun cámping con base na sostibilidade e na dixitalización, dado que a construción contará con sistemas de iluminación eficiente, armarios con sensores e un sistema de rexistro dixital, así como cunha infraestrutura para a separación de residuos propios e con ferramentas para xerar enerxía cinética.
No marco deste proxecto, o goberno municipal tamén contempla a adecuación das rutas do Camiño de Santiago da localidade, a recuperación de terreos degradados, axudas para que as pemes turísticas do concello poidan adaptar as súas instalacións de cara a ser máis eficientes, a creación dunha oficina de turismo dixital e a instalación de paneis inclusivos, con sistemas de braille, para a sinalización do Camiño de Santiago.
Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-2022
O proxecto do Concello de Oia foi un dos catro beneficiarios – xunto ao Concello de Vilagarcía, a Mancomunidade do Salnés e a Deputación de Pontevedra- na convocatoria para Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos no marco do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022. Este plan ten por obxecto impulsar actuacións de sustentabilidade e incrementar a competitividade dos destinos vinculados ao Camiño de Santiago.