O festival Síntese pecha a súa terceira edición coa mostra das residencias artísticas en Oia
O festival Síntese chega ao final da súa terceira edición coa mostra das residencias artísticas impulsadas polo festival no seu espazo A Garagem, en Cassais, Melgaço (Portugal). este festival foi impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.
A programación trasládase ao concello de Oia, ao recentemente restaurado edificio da Praza de Abastos, un espazo cultural de recente creación que acolle esta proposta. Deste xeito, o Síntese continúa coa súa aposta por levar a danza e a performance aos espazos públicos, achegando a creación contemporánea a novos contextos e públicos.
Ao remate das presentacións terá lugar un coloquio entre as artistas e a veciñanza de Oia, un encontro para compartir reflexións arredor da creación artística desde a beleza, a diversidade e o territorio, os eixos que vertebran esta edición de 2026.
Con esta iniciativa, o festival continúa a traballar para dar visibilidade á danza e ofrecer a novos públicos a oportunidade de descubrir artistas con voz propia e linguaxes escénicas singulares. As residencias artísticas desta edición, dirixidas por Cristina Cameselle, directora do festival, desenvolvéronse a partir dunha proposta conceptual e espacial común, concibida para favorecer o encontro entre as artistas, os seus procesos creativos e o territorio.
As pezas presentadas son Voar, de Larraitz Urruzola, unha coprodución co festival Titiritera que abre novas vías de colaboración entre a danza e outras disciplinas artísticas. Pola súa banda, Pegada Fonda de Ana García e Emma Cruz ofreceu a dúas novas bailarinas a oportunidade de vivir a súa primeira experiencia profesional no ámbito da creación escénica.
Aínda que o Síntese é un festival novo, ten unha liña de acción definida: xerar oportunidades para a creación, impulsar novas colaboracións e achegar a danza contemporánea á cidadanía. Un compromiso que se materializa na ocupación de espazos públicos, no diálogo co territorio e no encontro entre artistas e comunidade.
