O patrimonio cultural e paisaxístico de Oia, presente en FITUR
en Concello, Cultura, Patrimonio, Turismo
A oferta de patrimonio cultural e paisaxístico do Concello de Oia está presente estes días na Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid, a través das distintas accións do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
O xeodestino presentou esta semana en FITUR o seu primeiro produto turístico. Baixo o título “Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa”, este territorio do sur da provincia de Pontevedra propón ao visitante unha ruta a través da que descubrir a súa relevancia histórica e riqueza patrimonial, desde os seus primeiros poboadores ata o presente.
Un total de 14 concellos (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) forman parte do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, que xa conta cunha folla de ruta para os próximos 5 anos. O seu primeiro produto turístico consiste nun percorrido artellado a través de diferentes etapas, co obxectivo de que o visitante se mova por todo o territorio do xeodestino descubrindo a súa historia, patrimonio cultural e paisaxe.
No caso do municipio oiense, o turista pode empaparse da prehistoria a través do seu patrimonio arqueolóxico, visitar monumentos de orixe medieval como o mosteiro de Santa María de Oia, o único cisterciense situado á beira do Atlántico; ou disfrutar da paisaxe oceánica mentres fai o Camiño Portugués da Costa, entre outras opcións.
Material promocional
No marco de FITUR, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño pon a disposición do público dous elementos promocionais singulares. Por un lado unha postal sonora que inclúe, además dunha imaxe, unha pista de audio con música de Frai Rosendo Salvado interpretada pola pianista tudense Andrea González.
Tamén difundirá un mapa do xeodestino ilustrado pola artista plástica María Meijide. Este folleto, concibido a modo de coleccionable, contén un percorrido pola historia do territorio a través de 4 etapas históricas diferenciadas: Antigüidade, Idade Media, Idade Moderna e Idade Contemporánea.